Debido ás últimas previsións meteorolóxicas, que indican temperaturas elevadas durante a mañá do domingo en Friol, podendo acadarse os 31 ºC nas horas centrais do día, cun índice UV previsto de 10 e vento do sur con refachos que poderían alcanzar os 30 km/h, a organización decidiu introducir algúns axustes no percorrido longo co único obxectivo de reforzar a seguridade de todas as persoas participantes.
O trazado inicialmente previsto percorría durante máis tempo o cordal de Ousa, unha zona especialmente exposta á calor e ao vento. Por prudencia, optouse por unha variante que permite mellorar tanto a asistencia como a hidratación dos sendeiristas, reducindo a exposición ás condicións meteorolóxicas máis desfavorables.
Medidas adoptadas
- Incorporación dun punto adicional de auga mediante un avituallamento portátil.
- Dispoñibilidade dunha saída rápida cara á estrada en caso de asistencia ou evacuación.
- Reforzo das medidas de control e seguimento ao longo da proba.
- Incremento dos tramos con sombra, cun 85 % aproximado do percorrido baixo cobertura arbórea total ou parcial.
Perfil do percorrido
O percorrido resultante presenta un perfil moi accesible para a distancia proposta. A ruta conta cun desnivel positivo acumulado de aproximadamente 390 metros, dos cales arredor de 200 metros concéntranse nun tramo duns 6 quilómetros de ascensión progresiva e constante. Trátase dunha subida longa pero moi tendida, sen pendentes excesivas nin dificultades técnicas destacables agás en 180 metros.
Unha vez superado o punto máis alto do percorrido, os participantes atoparán maioritariamente tramos de baixada ou de perfil suave ata a meta, o que contribúe a facer a ruta máis cómoda e levadeira.
Avituallamentos
Os participantes disporán de puntos de avituallamento con auga, froita e hidratos de carbono nos quilómetros 4, 7, 12 e 22. Ademais, habilitarase un punto portátil de auga no quilómetro 17, accesible mediante vehículo de apoio.
Tramo con vexetación
Este cambio obriga tamén a transitar por un pequeno tramo duns 120 metros con vexetación á altura dos xeonllos. Aínda que foi rozado manualmente con fouciños, debido a que a maquinaria non podía acceder á zona, a organización informa deste aspecto para que os participantes extremen a atención nese punto concreto. Trátase dun tramo curto, perfectamente transitable e sinalizado.
No resto do circuíto, o Concello de Friol realizou un importante esforzo de acondicionamento e limpeza, para que o percorrido se atope en condicións óptimas para a práctica do sendeirismo nos 36 km que suman as distancias de tramos nos coincidentes dos dous circuitos.
Sinalización do percorrido
- 83 estacas e carteis direccionais.
- 153 marcas de pintura azul e branca como mínimo.
- 14 marcos quilométricos do Camiño Real pertencentes á Rede de Sendeiros do Concello de Friol.
- 52 cintas identificativas verdes de Caixa Rural colocadas en árbores e puntos estratéxicos.
- 42 bandeiras verdes.
- 37 bandeiras vermellas.
Recursos de hidratación e alimentación
- 4 fontes sinaladas.
- 40 packs de auga de 6 botellas de 1,5 litros.
- 50 packs de auga de 5 litros.
- 50 kg de plátanos.
- 20 kg de mazás.
- Barritas de cereais, metade de chocolate e metade de arandos.
- Gominolas.
Produtos locais nos avituallamentos
- Bica.
- Pauciños de pan.
- Enchidiños de chourizo.
- Torradas de Madialeva.
Así mesmo, na web MarchaNordica.es está habilitado un botón de WhatsApp para que calquera participante poida contactar directamente coa organización antes ou durante a xornada en caso de necesidade, dúbida ou incidencia.
Algúns modelos meteorolóxicos contemplan tamén a posibilidade de precipitacións a partir das 13:00 ou 14:00 horas, polo que a organización continuará realizando un seguimento permanente da evolución do tempo ata o inicio da proba.
A organización considera que estas modificacións permiten manter o atractivo deportivo e paisaxístico da proba, mellorando ao mesmo tempo as condicións de seguridade e confort para todas as persoas participantes.
Recomendacións
Recomendamos acudir con gorra, protección solar de alto factor, lentes de sol e hidratación suficiente, así como seguir en todo momento as indicacións da organización e do voluntariado distribuído ao longo do percorrido.
Agradecemos a comprensión e colaboración de todas as persoas participantes e agardamos que todos poidamos gozar dunha magnífica xornada de sendeirismo en Friol.

